Entrega de premios do XIV Concurso de Ideas Empresariais Innovadoras da USC

O pasado venres 12 de decembro, tivo lugar no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome o acto de entrega dos premios do XIV Concurso de Ideas Empresariais Innovadoras da Universidade de Santiago de Compostela.

Este concurso, que xa vai pola XIV Edición é unha iniciativa do Programa de Creación de Eempresas da USC, Uniemprende, e ten como obxectivo premiar a aquelas emprendedoras e emprendedores que presenten ideas innovadoras susceptibles de converterse en proxectos empresariais a curto e medio prazo. Nesta ocasión as cinco ideas premiadas son:

‘Buy and return’, promovida por Alejandro Cobelo. Consiste en incentivar a reciclaxe entre a cidadanía instalando nos supermercados máquinas de reciclaxe de vidrio, que den á clientela usuaria das mesmas un ticket monetario equivalente á cantidade de vidrio depositado.

"galiciangarden.com". Eva Barcala Pérez propón a creación dunha empresa de xestión e divulgación dos xardíns galegos a través dunha plataforma dixital plurilingüe (galego, castelán e inglés) que permita interpretar, conservar e rendibilizar o importante patrimonio xardinístico galego.

“Versabotics Industrial Solutions”, promovida por: Ricardo Veira, Gabriel Ferreiro, Javier Lamas, Manuel González Penedo, Marcos Ortega, Alberto Ramil e Armando Yáñez. Trátase dun proxecto de I+D+i para o desenvolvemento de aplicacións de visión artificial e software offline que confira versatilidade e multifuncionalidade a robots industriais antropomórficos.

“Contactúa: do conto ao teatro”. Pablo Culebras e Ángel Culebras idean a transformación dun texto dixital nunha obra teatral para incentivar as competencias comunicativas (lectoras, de expresión oral e de uso das TIC) entre os nenos e nenas de Infantil e Primaria, co fin de evitar os malos resultados que demostran cando chegan a cursos máis avanzados.

"Células solares híbridas orgánico-plasmónicas". Manuel Gómez, propón a fabricación barata e rápida de células solares en film empregando tecnoloxías plasmónicas para concentrar a luz solar e reducir o seu tamaño ou aumentar a súa eficiencia por unidade de área e combinación con sistema de captura de enerxía luminosa dos plasmóns por medio de receptores químicos e transferencia e transporte electrónico a través de materiais orgánicos ou híbridos. “Trátase de aproveitar máis a enerxía do sol para producir máis electricidade”.