Entrega de premios do XIV Concurso de Proxectos Empresariais Innovadores da USC

O pasado venres 4 de xullo, tivo lugar no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome o o acto de entrega dos premios do XIV Concurso de Proxectos Empresariais Innovadores da Universidade de Santiago de Compostela.

Este concurso, que xa vai pola XIV Edición é unha iniciativa do Programa de Creación de Eempresas da USC, Uniemprende, e ten como obxectivo impulsar a creación de empresas innovadoras promovidas por estudantes, licenciados e licenciadas ou investigadores e investigadoras, así como a innovación empresarial e a xeración de emprego.

CHEMANTEC, spin-off da USC incubada no Edifico Emprendia, recibiu o Premio Muller Emprendedora da man da Subdirectora Xeral de Xestión Técnico-Administrativa e Orzamentaria da Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia, dona Fe Alvedro Riveiro. Esta empresa promovida por Patricia Blanco Carro, Cristina Casal Romero, Gonzalo Hermelo Vidal, Raquel Sendón García e Ana Rodríguez Bernaldo de Quirós, realiza servizos de ensaios técnicos e de consultoría dirixidos a comprobar a calidade e seguridade dos produtos consumidos polo usuario/a final.

O Secretario Xeral de Universidades don José Alberto Díez de Castro fixo entrega do Premio Base Tecnolóxica ao proxecto spin-off da USC, CELTALGA EXTRACT, promovida por Marivel Sánchez Guerrero e Jorge Sineiro Torres. A produción de extractos de algas procedentes das costas galegas aplicando a tecnoloxía de ultrasonidos protexida por patente, é o modelo de negocio desta spin-off, que afirma que o extracto algal será empregado pola industria cosmética principalmente como principio activo nas súas formulacións.

Co Premio Empresa Xove foi galardoado o proxecto spin-off da USC, MD.Use!, adicado á realización de consultaría á medida na aplicación de Dinámica Molecular para a Simulación Computacional de sistemas biolóxicos, químicos ou nanosistemas. O Reitor da Universidade de Santiago de Compostela, don Juan Viaño Rey fixo entrega deste premio a Rebeca García Fandiño e Edgar Mixcoha.