Entrega de premios do XV Concurso de Ideas Empresariais Innovadores da USC

O 20 de xuño de 2016, entregáronse no Paraninfo da Universidade, da Facultade de Xeografía e Historia os premios do XV Concurso de Ideas Empresariais Innovadoras da USC.

Un corrector adaptativo de astigmatismo e un sistema de secado de sangue en matadoiros son dúas das cinco ideas premiadas na décimo quinta edición do Concurso de Ideas Empresariais Innovadoras da USC que convoca Uniemprende. As outras tres, que xa non están baseadas en traballos de grupos de investigación da USC, recoñecidas son un servizo de depuración-reutilización de augas residuais procedentes da acuicultura, unha ferramenta para o fomento da creatividade fóra do contexto escolar e un asistente persoal de persoas con problemas de memoria.

Das 147 ideas aceptadas nesta edición, o 49 % foron presentadas por mulleres e o 51% por homes, na súa meirande parte estudantes. Por áreas de coñecemento, destaca a de ciencias xurídicas e sociais, que agrupa o 50% das ideas presentadas, seguida polas ensinanzas técnicas co 18%, as ciencias experimentais e da saúde cun 12% e finalmente ciencias humanas cun 8%.

A entrega de premios tivo lugar este luns no Paraninfo da Universidade nun acto que presidiu o reitor Juan Viaño e no que tamén participaron o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; o director da Área de Competitividade do IGAPE, Norberto Penedo Rey; a secretaria xeral de Emprego, Covandonga Toca Carús; a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella; e o adxunto ao reitor para Transferencia, Innovación e Emprendemento, José Manuel Cotos Yáñez.

Corrector para astigmatismo
Eva Acosta Plaza e Justo Arines Piferrer, de Óptica e Optometría, observaron que os oculares actuais permiten a corrección da miopía ou hipermetropía pero non do astigmatismo, de maneira que aqueles usuarios con astigmatismo se ven na obriga de usar as súas gafas e perder campo visual e confort ou ver borroso a través do ocular. “Estas son algunhas das queixas fundamentais que manifestan, por exemplo, os astrónomos afeccionados”, explican. Por esa razón propoñen un sistema sinxelo que permite a corrección de astigmatismos de diversa magnitude e eixo, de forma que os astigmatas poderían observar polos oculares de SoL4OpticS sen as súas gafas.

Secado de sangue
Os matadoiros e as industrias cárnicas en xeral xeran durante a súa actividade unha gran cantidade de sangue, un residuo catalogado de perigoso que pode provocar importantes focos de infección ou proliferación microbiana, por exemplo. E se ben a meirande parte do sector ten contratado un servizo de xestión de residuos, o equipo de José Manuel Magide Ameijide e Hiram Varela Rodríguez, da EPS de Lugo, atopou un xeito de revalorizar o sangue in situ nas propias industrias: somételo a un tratamento de secado que garante a súa esterilidade e facilidade de conservación. “Unha vez feita fariña deixa de ser un residuo e ademais presenta diversas opcións de comercialización”, explican os promotores, que á solución ambiental lle engaden a vantaxe do aproveitamento económico nesta idea que xa está moi avanzada e que é obxecto dunha patente.

Solucións acuapónicas
Greenaquaculture é o nome da idea do equipo formado por Silvia Calaza Mosquera, Cristina Balagones Domínguez e Gregorio Rivadeneira Torres e que se basea en dar un servizo de depuración-reutilización de augas residuais procedentes da acuicultura a través de sistemas de cultivo integrado de animais acuáticos e plantas (acuaponía), nos que as bacterias nitrificantes transforman o amonio excretado polos animais, facéndoo asimilable para as plantas que filtran a auga. As promotoras traballan tamén na fabricación de kits acuapónicos para uso doméstico e didáctico “como un xeito máis de promover a sustentabilidade ambiental”.

Creativity Loading, xogo creativo
As psicólogas educativas Noelia Villaverde Rozas e Sara Vidal Núñez idearon Creativity Loading, unha ferramenta para o fomento da creatividade fóra do contexto escolar. Trátase dun xogo de mesa que busca converter o pensamento creativo nun hábito fomentando a fluidez de ideas, a flexibilidade de pensamento, o afrontamento da ambigüidade, a asociación de ideas e a apertura da mente para interpretar puntos de vista diferentes. Os xogadores e xogadoras deberán resolver distintas probas deseñadas para que inciten respostas orixinais e novas de forma que nin se falla nin se acerta, senón que se premia o maior número de ideas.

Memmory assistant
Por último, o estudante da ETSE Ángel Rodríguez Cerdeira propón un asistente persoal de persoas con problemas de memoria co propósito de facilitarlles o día a día. Este asistente estaría integrado nun smartwatch e encargaríase de proporcionarlle ao usuario recordatorios sobre as cousas que ten que facer como, por exemplo, tomar os medicamentos; responder preguntas básicas que se lle realicen ou indicar o camiño de volta a casa.