Entrega premios XV Concurso de Proxectos Empresariais Innovadores da USC

O 17 de xuño de 2015, entregáronse no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome os premios do XV Concurso de Proxectos Empresariais Innovadores da USC, organizado un ano máis por UNIEMPRENDE.

O premio “Promoción da Lingua Galega” foi outorgado a NOSTRACKER, un proxecto de spin-off da Universidade de Santiago de Compostela, que xurdiu do grupo de investigación Novos Medios, da Facultade de Ciencias de Comunicación. Iván Dobarro e Cruz Negreira, promoven este proxecto que se adicará ao desenvolvemento de ferramentas que monitorizan redes sociais, blogs e medios de comunicación para medir e avaliar o contido que publican as e os usuarios sobre as empresas, empregando de forma preferente a lingua galega, ademáis de poñer en marcha campañas específicas sobre tendencias e temas de interese galegos.

A spin-off SITUM TECHNOLOGIES S.L., procedente do grupo de Grupo de Robótica do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información da USC (CITIUS), foi galardoado co premio “Base Tecnolóxica”. O equipo promotor desta empresa composto por Víctor Álvarez, Adrián Canedo e Cristina Gamallo, desenvolveu e actualmente comercializa unha novidosa e innovadora tecnoloxía de localización de smartphones en interiores de grandes edificios, onde a tecnoloxía GPS non funciona.

Co premio “Empresa Xove” foi recoñecida a breve traxectoria da spin-off da Fundación Ramón Domínguez Qubiotech, Health Intelligence, S.L., adicada ao desenvolvemento de novas ferramentas tecno-informáticas de análise de imaxe e xestión da información asociada, para mellorar o diagnóstico, o tratamento e o seguimento médico. Pedro Arenas Barreiro, Pablo Aguiar Fernández e Jesús Silva Rodríguez forman o equipo promotor desta empresa.

ADICA, proxecto de spin-off que xurdiu do grupo de investigación Aspectos evolutivos e intervención psicoeducativa da Universidade de Santiago de Compostela , recibiu o premio “Muller Emprendedora”. O equipo promotor composto por Rosa Mª Rivas Torres, Santiago López Gómez, Mónica González Blanco e María Picos Rubido está a traballar no tratamento dos distintos problemas e dificultades no desenvolvemento e aprendizaxe do alumnado, cun enfoque integral, e incorporará á empresa tamén servizos psicoxerontolóxicos.