XV FORO GALEGO DE EDUCACIÓN PARA A IGUALDADE

O programa Uniemprende, en colaboración coa Secretaría Xeral da Igualdade e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, organiza o XV Foro Galego de Educación para a Igualdade, os días  25 e 26 de abril de 2014. 

O propósito desta iniciativa é axudar á construcción dun novo modelo formativo que incorpore o emprendemento en feminino como motivo de debate para pensar en actitudes diferentes necesarias para levar ás aulas. Tendo en conta o contexto de crise no que nos atopamos actualmente, o emprendemento sitúase como unha alternativa poderosa á organización tradicional do mercado de traballo, sendo as mulleres as figuras que teñen na súa man a posibilidade de romper cos patróns habituais de masculinidade no mundo empresarial.

Dentro dos contidos que se desenvolven no programa do foro aplicarase a perspectiva de xénero na promoción de actitudes e habilidades que configuran o talento: as formas de liderado, iniciativa e autonomía persoal. Tamén se tratarán a integración da variable xénero nas iniciativas para o fomento da creatividade persoal e da cultura emprendedora.

O que se pretende con este foro é aproximar o sistema educativo, a través da formación e concienciación do seu profesorado, á realidade actual á que se afrontará o alumnado cando abandone este sistema no que se atopa actualmente. A finalidade principal é a de ofrecer aos docentes as ferramentas necesarias para traballar o aspecto do emprendemento co seu alumnado nunha perspectiva de xénero e de igualdade de oportunidades, que amplíen o abanico de oportunidades no salto ao mercado laboral.

Para consultar o programa desta actividade prema aquí.